logo

A compostaxe


QUE É?

Trátase dunha técnica sinxela coa que se manexa e controla o proceso biolóxico e natural mediante o que pequenos seres vivos degradan os restos orgánicos (do noso lixo doméstico, restos de podas, cespede cortado, ou outros residuos agrícolas) transformándoos nun abono rico natural, seguro e rico en nutrintes para o solo que se coñece como compost.

Esta técnica busca xerar e manter as condicións favorables de humidade, temperatura e aireación para que microorganismos (fungos e bacterias fundamentalmente) e outros pequenos animais (vermes, insectos, cochinillas, etc.) transformen estes restos orgánicos nun abono hixiénico, homoxéneo e de alto valor para o cultivo e xardinería.

A compostaxe é un proceso tradicional e presente na agricultura dende hai centos de anos. Hoxe en día, con lixeiras melloras técnicas e novos deseños de ferramentas ou recipientes podemos desenvolver o proceso de compostaxe dun xeito máis controlado, sinxelo e evitando problemas de cheiros.



POR QUE FACER COMPOST?

Producir compost xerará un importante beneficio para o seu produtor pero tamén para a súa comunidade e ao medio ambiente como podemos ver nos seguintes exemplos:

- Conseguimos aforrar en abonos, pois disporemos gratuitamente dun produto de primeira calidade para empregar no noso xardín ou horta producido aí mesmo, evitándonos tamén o seu transporte dende a tenda.

- Melloramos a calidade e salubridade das nosas terras e dos produtos que produzan, pois estaremos evitando o uso de abonos químicos. Co compost podemos mellorar e fortalecer o solo do céspede, das sebes ou da horta, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á dos compostos químicos o substratos artificiais que podemos obter no mercado.

- A longo prazo, se son cada vez máis as familias e cidadáns que fan compost no seu terreo, poderanse reducir as taxas da recollida municipal de lixo, pois estaremos reducindo de xeito significativo a cantidade de lixo que o Concello debe recoller ou tratar.

- Contribuiremos a reducir a contaminación, xa que canto máis preto se procesen e aproveiten os restos orgánicos maior será o aforro en combustible para o seu transporte, ademais de reducir a emisión de gases. Tamén serán precisos menos vertedoiros e polo tanto se acumularán  menos desfeitos reducindo as sustancias tóxicas e gases que hai neles, do mesmo xeito que evitaremos a contaminación producida ao queimalos.


COMO FACELO?

Agora tes a oportunidade de acollerte a este proxecto, dentro das distintas modalidades posibles,  de xeito que terás un apoio especial para por en marcha e manter activo no teu terreo un composteiro co que producir compost para ti. Infórmate no teu concello.

Na área de descargas podes obter un sinxelo manual e outros recursos útiles, no que terás todas as indicacións sobre como realizar o proceso, que tipo de residuos debes de evitar ou pequenas instruccións para mellorar a calidade do producto, evitar cheiros, acelerar o proceso, etc.

 

 

organizadores_promotores http://marinasbetanzos.org/ http://www.xunta.es